Sunday 05 de May de 2024

O Concello da Coruña ofrece 7.251 prazas nos Campamentos de Verán 2022, case un milleiro máis que na edición do ano pasado


A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación, Yoya Neira, subliñou a calidade da oferta de lecer infantil e xuvenil, que permitirá a conciliación das familias da cidade nos meses estivais

Os campamentos deportivos incorporan unha nova sede: a Cidade Deportiva da Torre-Arsenio Iglesias

O Concello da Coruña ofrece este verán 7.251 prazas nos campamentos infantís que organizan as distintas áreas municipais. Son 945 prazas máis que o ano pasado, para que as nenas e nenos da Coruña poidan gozar de todo tipo de actividades de lecer, aire libre, deporte e inmersión lingüística, facilitando a conciliación das familias durante as vacacións escolares.

A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación, Yoya Neira, acompañada de Jesús Celemín, concelleiro de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego; Diana Cabanas, concelleira de Comercio, Mercados e Barrios; e Mónica Martínez, concelleira de Deportes, presentou esta mañá a oferta municipal de campamentos e sinalou que “o aumento de prazas débese á posibilidade de ampliar os grupos de participantes unha vez finalizadas as restricións ocasionadas pola pandemia e á
incorporación dunha nova sede nos campamentos deportivos, a da Cidade Deportiva da Torre-Arsenio Iglesias, que inclúe o frontón da cidade deportiva e parte das súas instalacións, combinado coa piscina de Santo Amaro”.

Os principais incrementos de prazas prodúcense nos campamentos urbanos dos Centros Cívicos, que ofrecen 2.250 prazas, un 40 % máis que o ano pasado. Os campamentos do Fórum Metropolitano e o Centro Sociocultural Ágora, pola súa banda, ofrecen un 30 % máis de prazas e os campamentos deportivos ofertan nesta edición de 2022 un 30 % máis de prazas. O aumento da oferta municipal de actividades culturais, educativas e de ocio para menores emárcase dentro do pulo que o Goberno de Inés Rey está a dar ás políticas de apoio á xuventude, pulo que concretouse recentemente coa apertura do Remanso.

Este ano, a información de todos os campamentos estará ao dispor dos usuarios e usuarias na web municipal específica dos Campamentos de Verán 2022, o vindeiro luns, día 23 de maio, con dúas datas de preinscrición previstas:
● Os días 23, 24 e 25 de maio poderase realizar a preinscrición dos seguintes campamentos (desde as 8:00 horas do día 23 ás 21:00 horas do día 25):
○ Campamentos Fórum e Ágora
○ Campamentos de Educación (Campacoles e Summer Talk)
○ Campamentos de Mocidade
○ Campamentos da OMIC
○ Campamentos Aquarium Finisterrae
● Os días 1, 2 e 3 de xuño poderase realizar a preinscrición dos seguintes campamentos:
○ Campamentos Urbanos nos centros cívicos.
○ Campamentos de día
○ Campamentos tradicionais de pernoctación
○ Campamentos deportivos
“Esta división en dúas quendas permitirá axilizar o proceso porque son moitísimas prazas. Así, moitas familias que xa teñen unha praza da súa elección en primeira quenda non concorrerán ás da segunda.

Tamén axilizará o proceso de reclamacións e chamadas de listaxes de agarda”, explicou Neira.

A inscrición realizarase de forma telemática a través da web do Concello. Para a obtención dunha praza terán preferencia as e os menores empadroados no Concello da Coruña e aqueles cuxos proxenitores estean traballando ou teletraballando, no caso das familias monoparentais. A oferta para este ano 2022 tamén inclúe prazas para menores con diversidade funcional